Visita para os escolares de 6º de Educación Infantil (5 anos) e primeiro e segundo ciclo de primaria onde un axente guiaranos polas dependencias da policía municipal que están situadas no lateral do edificio que dá á rúa Pracer, e que ten no seu fronte o aparcamento destinado a vehículos do corpo baixo un gran letreiro que lles indica onde están —caso de haber dúbida—, co cal os rapaces comezarán a visita plenamente “contextualizados”.
Na primeira parte da visita, os escolares sentan na “escola de policías” onde o axente encargado lles dá nocións de educación vial e remata cun pequeno “interrogatorio” sobre os seus coñecementos das normas de convivencia vial, tras o que comezará o percorrido polas diferentes seccións do servizo: Emisora, na que varios axentes reciben os avisos telefónicos de posíbeis incidencias; se o momento o permite, un axente busca información persoal sobre un ou varios rapaces/as introducindo os seus nomes no ordenador e sorpréndeos con información detallada sobre os nomes dos pais, enderezo da casa, etc., e así comproban cos seus propios ollos como a policía pode obter información inmediata sobre calquera cidadán.
Visitamos tamén o centro de control de tráfico da cidade, onde nos amosan o control da rede semafórica e as pantallas que emiten imaxes en tempo real de todas as cámaras instaladas na cidade. O ximnasio é unha das partes preferidas do percorrido xunto coa visita aos garaxes, onde montan nun coche de policía –ás veces tamén “proban” as motos-, o que deixa os rapaces cunha sensación de proximidade ao corpo.
As visitas non son sempre iguais, xa que dependemos da disponibilidade das dependencias no momento no que se realice o percorrido.

Observar de cerca a actividade e funcións da policía Local nas dependencias do Concello.
Traballar con nocións básicas de educación vial.
Coñecer a actividade diaria deste servizo municipal nos seus lugares de traballo.
Observar o material e vehículos que usan no seu traballo.