Xogar en Vigo é unha actividade didáctica elaborada polos profesores/as Beatriz Araújo Vázquez (Profesora de Inglés) Mª Asunción Carballo Rodríguez (Profesora de Lingua Castelá) Leonor Giménez Fernández (Profesora de Ciencias Sociais) Andrea Piñeiro Álvarez (Profesora de Matemáticas) Rubén Rodríguez Moure (Profesor de Matemáticas) Xoán Xosé Santos Costa (Profesor de Ciencias Naturais) de Centros de Secundaria da cidade e editada polo Departamento de Educación do Concello de Vigo, co obxectivo de aplicar aqueles coñecementos e competencias adquiridos na aula, na propia cidade, inserindo o coñecemento teórico nun contexto real, neste caso, nun percorrido polo Centro Histórico.
O uso da cidade como ferramenta de traballo onde conflúen as disciplinas curriculares, é unha práctica pouco habitual que vai contribuír non só ao coñecemento e valoración do contorno máis próximo do estudante, senón tamén a implicalo no descubrimento da realidade integrando as áreas de Matemáticas, Inglés, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais e Lingua Castelá neste proceso, e aplicando as competencias sociais, lingüísticas, matemáticas, artísticas ou culturais necesarias para a aprendizaxe.
A unidade está deseñada para o alumnado de Educación Secundaria; especialmente a partir de segundo. Algunhas das actividades propostas poden traballarse con maior profundidade nos cursos superiores, e pódese descargar dende o apartado de recursos do programa vigopordentro
20.04.10 | Publicado por M.O. | Opina