O museo do Laboratorio Municipal exhibe animais en formol.
Aínda que o Concello de Vigo é no seu maior parte un edificio administrativo cheo de despachos, o inmoble ten sorprendentes recunchos, que, ademais, poden ser visitados polo público. Un deses recunchos esconde un interesante tesouro, o que garda a historia do Laboratorio Municipal, e algúns elementos que formaron parte dos antigos servizos veterinarios do consistorio. Daquelas desaparecidas dependencias conserváronse algúns materiais que hoxe comparten espazo co Museo do Laboratorio, situado á entrada do mesmo, no soto do concello vigués, que se pode visitar de 8 a 15 horas de luns a venres. Nunha vitrina gárdanse en frascos con formol, algún daqueles elementos cuxa visión, descontextualizada, resulta, cando menos, desconcertante. A escasos metros de funcionarios e edís, descansa eternamente un puma rexeitado na lactación, un simio cuxa nai abandonou tras o parto, ou un porco que naceu deforme, cun corpo e dúas cabezas. No pasado, o Zoológico da Madroa tamén albergou unha sala dedicada á etología.
Pero o museo do Laboratorio Municipal ofrece outros tesouros.
A colección de instrumental científico conforma un conxunto que reflicte a evolución do laboratorio e da súa actividade durante o século XX. A sección de hixiene mantivo unha gran importancia. Entre as pezas máis destacadas que se poden observar nesta exposición, pódense citar os variados e curiosos aparellos de desinfección, pulverizadores de costas ou móbiles sobre carriños, que permitían actuar directamente nos focos de infección, esterilizando materiais potencialmente perigosos para o contaxio de enfermidades.
Á marxe dos elementos de arqueoloxía científica que alí se conservan, nas instalacións do Laboratorio Municipal pódense visitar dúas áreas, a físico-química e a de microbiología, acompañados de persoal do propio laboratorio, que realiza unha breve descrición das distintas actividades. Estas visitas están dirixidas a centros educativos e desenvólvense os venres. A tramitación da solicitude faise a través do programa educativo Vigopordentro, dependente do servizo de educación.
O Laboratorio Municipal de Hixiene inaugurouse en 1902 e foi reorganizado en 1909 para adaptarse á lexislación. Ata 1983 atopábase no edificio da estación da ría, onde hoxe se sitúa o centro comercial A Laxe. A partir desta data, trasladouse á Praza do Rei.
23.02.11 | Publicado por Jordi Castro | Opina