As novas tecnoloxías entran na aula.
Os métodos de ensino modernízanse e empezan a apostar pola formación interactiva que aproveita o potencial de internet. O proceso avanza lento en Galicia e á cabeza sitúase o CEIP Frián-Teis de Vigo, cuxos responsables recollerán o día 5 de xuño en Madrid un premio nacional en recoñecemento á utilidade e contidos da súa páxina web.
“O que naceu como un recurso para dar a coñecer o centro converteuse nunha ferramenta de traballo”, subliña a coordinadora de novas tecnoloxías, Ana María Piñeiro.
Non é o único aplauso que recibiron os esforzos do persoal docente por aplicar novas ferramentas no aula, pois o colexio forma parte da rede galega de centros avanzados en tecnoloxías da información e a comunicación (RedeTic) e o proxecto que presentaron este ano á convocatoria otivo a segunda maior asignación económica dos 15 seleccionados. A súa implicación coa informática e novos recursos web demóstrase reinvestindo os fondos en formación de profesorado, en comprar unha nova lousa táctil e nun curso de alfabetización dixital para os pais dos alumnos.
O galardón á súa web foille outorgado na cuarta edición dos premios da Asociación Espiral, Educación e Tecnoloxía (Espiral Edublogs) na categoría de “blogs de centro”. A traxectoria online do colexio Frián-Teis comezou hai catro anos para promocionarse e fixérono valéndose do servidor que a Xunta ofrece aos centros públicos.
Desde entón non deixaron de crecer e mellorar a súa páxina, ata ser recoñecida como a mellor dos colexios en España por un colectivo de usuarios e un xurado especializado. Informan no seu blog do seu horario, os menús, a oferta de lecer e comparten coas familias dos alumnos as fotografías das súas festas, ademais de colgar actividades multimedia e información que utilizan logo en horas lectivas.
Os contidos créanos os profesores e os propios alumnos, aos que se aproveita para aprenderlles a utilizar diferentes programas de deseño.
O colexio dispón de tres lousas dixitais “o normal é ter unha que proporciona a Xunta”, un computador por clase e unha aula informática con 14 equipos. A coordinadora de novas tecnoloxías considera fundamental que se completen todas estas ferramentas con “coñecementos. Internet ofrécenos cun mero click acceso a gran información sobre o tema dunha clase, pero tamén hai que aprender aos alumnos a ser críticos con esa información e a reelaborala. Hai que darlles pautas para mellorar o seu uso da rede”, conclúe Piñeiro, á espera de novos recursos da man do proxecto Abalar da Consellería de Educación para integrar as TIC no ensino.
17.05.10 | Publicado por Jordi Castro | Opina