Normas para participar no programa



Quen pode participar

Poderán participar todos os alumnos/as dos centros escolares da cidade de Vigo con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos (Entenderase por 3 anos os nenos pertencentes ao último curso de escola infantil ou primero de infantil dun colexio, non se aceptarán nenos de cursos inferiores).

E necesario ler as características de cada visita, os niveis educativos, as temáticas e as recomendacións para que cada visita sea realizada correctamente e non haxa cancelacións de última hora.

Como participar

Na área privada de cada centro aparecerán as condicións particulares asignadas en función da matrícula ademais do estado en que se atopa o proceso de asignación de visitas.

Presentación de solicitudes

O prazo de recepción de solicitudes para educación infantil (só de 3 a 5 anos) e educación primaria será do 1 ao 10 de setembro de 2010.

Para educación secundaria e postobrigatoria do 13 ao 22 de setembro de 2010.

As visitas para infantil e primaria comezarán o 22 de setembro. Para secundaria e postobrigatoria o día 29 de setembro.

Realizarase unha soa solicitude por centro educativo e será cuberta por unha soa persoa, designada polo centro como interlocutor co programa, e que previamente reunirase co claustro de profesores.

Criterios para a elección de visitas didácticas

Recomendamos os seguintes criterios para maior aproveitamento da visita e acadar os obxectivos pedagóxicos:

  • Non repetir visitas cos mesmos grupos en dous cursos escolares consecutivos.
  • Tentar elixir a temática das visitas tendo en conta a programación escolar e coñecementos previos do alumnado.
  • O profesorado que prepare a visita na aula será o que acompañe o grupo durante a súa realización. Calquera cambio de profesor ou curso debe ser previamente comunicado a vigopordentro( mínimo 4 días antes da visita), coa fin de asegurar o bo aproveitamento da mesma. O nome do profesor acompañante, e a temática que imparte debe ser comunicado na solicitude da visita.

Asignación de visitas didácticas e calendario

A cada centro escolar asígnaselle un número de visitas segundo o alumnado matriculado.
Unha vez rematado o prazo de recepción de solicitudes elabórase o calendario de visitas didácticas para o curso escolar, e comunícanse por correo electrónico a todos os centros escolares as visitas concedidas, datas asignadas e horarios. Catro días antes da visita o centro recibirá un novo mail confirmando a visita, os horarios, normas e recomendacións.

Visitas de reserva

Ao número de visitas asignadas a cada centro escolar deberán engadirse as visitas de reserva para os casos en que non se poida satisfacer as demandas. Estas serán 3 visitas en educación primaria, secundaria e postbrigatoria e 2 en educación infantil. Recoméndase elexir ben estas visitas xa que non sempre é posibel adxudicar todas as de primeira opción.

Responsábeis do grupo

O grupo irá acompañado polo profesorado do centro (mínimo 1 mestre/a por cada 25-30 alumnos/as) e un/ha monitor/a do equipo educativo do programa Vigo por Dentro.

Número de alumnos

O número máximo de alumnos/as sinalado en cada visita non poderá superarse en ningún caso, nin se poderán variar os niveis educativos para os que se lles outorgaron as visitas, sen previo aviso. Como norma xeral, o número máximo estabelecido para cada visita será de grupo- aula, ata un máximo de 30 alumnos/as por motivos de operatividade, participación e aproveitamento da visita.

O non cumprimento deste apartado pode ser motivo da suspensión da visita.

Material

Moitas das visitas programadas constan de fichas de traballo que se poden atopar na web, na zona de “características” de cada visita. Cada neno debe levar un exemplar da ficha, previamente preparada e traballada na aula. Ademáis da ficha, deben levar un lápis. En caso de non ter ficha a visita elexida, os nenos levarán un bloc de notas.

O non cumprimento sistemático desde apartado pode ser motivo de non realización de visitas posteriores.

Avaliacións

Na área privada de cada centro aparece unha avaliación para realizar despois de cada visita. Esta avaliación debe ser feita dentro dun período máximo de 48 horas despois da visita, e preferentemente, polo docente que acompañou o grupo.

O non cumprimento sistemático desde apartado pode ser motivo de non realización de visitas posteriores.

O transporte

O programa Vigo por Dentro dota de transporte gratuíto todas as actividades que desenvolve durante o curso escolar. Cada visita conta cun autobús gratuíto, que recolle e devolve ao centro tanto o alumnado coma o profesorado. Non poderá viaxar no autobús persoal non autorizado pola dirección do programa.

No caso dos centros educativos moi próximos ao lugar de realización das actividades, só se facilitará transporte cando pola idade dos alumnos/as exista certo perigo.

Condicións económicas

O Concello de Vigo, a través da Concellaría de Educación, subvenciona a totalidade do programa educativo para todos os centros escolares da cidade de Vigo.

Seguro de accidentes

Tanto o profesorado como o alumnado e o equipo educativo están cubertos por unha póliza de responsabilidade civil e accidentes durante a realización das visitas.

Autorización para as visitas didácticas

O alumnado participante ten a obriga de entregarlle á monitora do programa a autorización (paterna/materna ou dos correspondentes titores legais) estabelecida para as visitas de Vigo por dentro.

A ausencia de autorizacións pode ser motivo de suspensión da visita programada, por motivos de seguridade para os nenos.

Adiamento e cancelación de visitas

A dirección do programa poderá adiar ou cancelar as visitas por problemas alleos á súa organización. Nestes casos, tentarase de realizar a visita prevista noutra data, e nas mesmas condicións.
As visitas canceladas tanto polo centro como pola organización de vigopordentro por causas meteorolóxicas adversas quedarán anuladas e non se repetirán. Ao final do curso tentarase atopar datas para algunha destas visitas.
Ante a imposibilidade de realizar unha visita na data adxudicada, pregamos aos centros escolares avisen da súa cancelación, cunha antelación mínima de 4 días antes da súa realización, e poder ter así a posibilidade de ofertala a outro centro escolar (estudiarase en cada caso).

A cancelación repetida de visitas por parte do centro sen previo aviso, pode significar o descenso de visitas asignadas o curso que ven.



 

Acerca | Condicións de uso | Normas do programa | Contacto | RSS

Concello de Vigo